Wednesday 01 de May de 2024

O prazo de inscrición nas actividades das Escolas de Familia e nos obradoiros do programa Reforzatic abrirá o 1 de setembro


A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, anunciou que o vindeiro 1 de setembro abrirá o prazo para anotarse nas Escolas de Familia, incluídas nas actividades extraescolares do Programa Municipal de Educación Extraescolar (Promedex) e tamén nos obradoiros de reforzo educativo a través das novas tecnoloxías (Reforzatic). O programa Promedex diríxese a familias con fillos/as escolarizados/as en centros de ensino de Narón (Infantil, Primaria e Secundaria), e nas escolas infantís da cidade, se ben os obradoiros de Reforzatic son para alumnado escolarizado en centros de ensino de Narón que estea cursando Primaria e derivado dos departamentos de Orientación dos centros de ensino.

As Escolas de Familia inclúen contidos relacionados nos centros co acompañamento e coaching familiar, o día a día, as estratexias para crear lazos afectivos e temas de debate (sexualidade, acoso escolar, medos infantís…) e nas escolas infantís coas etapas evolutivas dos menores, a crianza respectuosa, autonomía, alimentación e sono, etc. Impartiranse as sesións entre outubro deste ano e xuño de 2023 nos centros cívicos sociais (para familias con menores en centros de ensino) e na escola infantil municipal da Solaina (no caso de familias con fillos/as de 0 a 3 anos). As sesións serán de dúas horas de duración e un día á semana por grupo, ofertándose 80 prazas. A taxa estipulada por ordenanza é de 8,15 euros por familia.
Taibo recordou que unha das finalidades das Escolas de Familia é “proporcionarlles unha serie de ferramentas educativas para afrontar as inquedanzas ás que teñen que facer fronte nas diferentes etapas educativas, en función da idade dos seus fillos e fillas”.

Así mesmo, tamén abrirá o prazo de inscrición nos obradoiros de reforzo educativo a través das novas tecnoloxías (Reforzatic), que oferta un total de 42 prazas, todas elas de balde. Os contidos que se abordarán entre os meses de outubro deste ano e maio de 2023 serán apoio escolar, educación en habilidades sociais e uso de novas tecnoloxías para obtención e tratamento da información.

As sesións de Reforzatic serán dúas horas á semana por grupo, en horario de tarde e na Casa da Mocidade. Neste caso o alumnado terá a oportunidade, tal e como indicou Taibo, de contar cun reforzo educativo ao ensino dos centros, achegarse ás novas tecnoloxías e coñecer o seu uso responsable e reforzar aqueles casos con maiores dificultades de aprendizaxe en determinadas áreas.

En ambos casos poderán presentarse as solicitudes a través da Sede Electrónica, no Rexistro municipal ou a través de calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Para obter máis información pódese consultar a Sede Electrónica do Concello ou dirixirse ao Servizo Sociocomunitario do Concello, no primeiro andar ou a través do teléfono 981 337 700 (extensións 1111, 1108 e 1109).